Financia:
Deputación de A Coruña
Promove:
Concello de Arzúa
Xestiona:




 Arrinca unha nova edición da Feira Ecolóxica de Arzúa con mudanzas no Formaterra
A que constitúe a sétima edición do Festival das Artes pola Biodiversidade quenta xa motores. Será o dous e o tres de outubro cando o recinto feiral de Arzúa acolla de novo a maior feira ecolóxica de Galicia, xunto con propostas complementarias como o Formaterra, entre outras moitas.
Unha das principais novidades de 2010 é o cambio no apartado formativo, o Formaterra. Para axilizar a Feira e tamén co obxectivo de aumentar as posibilidades formativas e de que o maior número de persoas interesadas poidan participar, Terractiva 2010 decidiu que os obradoiros centrasen en exclusiva este apartado. Así, non haberá cursos con inscrición previa ao festival.

Deste xeito, aqueles e aquelas interesados/as en adquiriren coñecementos de disciplinas coma o Reiki, Sat Nam Rasayan (A arte da sanación), arteterapia, respiración e relaxación ou ioga en parella, entre outros, poderán achegarse ao recinto feiral arzuán e, por un prezo que oscilará entre os 5 e os 10 euros, participar neles.

A este respecto, cabe indicar que o prezo é por obradoiro e que a idade mínima para poder participar está fixada nos 16 anos. Se ben, e fóra da proposta Formaterra, tamén se desenvolverán obradoiros de cociña ecolóxica ou instrumentos tradicionais, por nomear algúns, que serán gratuítos.

A maior feira ecolóxica

Como vén sendo xa habitual no outono arzuán, arredor do medio cento de expositores/as daranse de novo cita na localidade coruñesa. Dous días de feira ecolóxica, a maior de Galicia, xunto coa formación que vimos de adiantar, o teatro, a música, as exposicións e a programación infantil, as conferencias… son só algunhas das opcións que ofrece o Terractiva un ano máis.
 A primeira fin de semana de outubro, volve o Terractiva a Arzúa
Terractiva é un festival de alternativas que celebrará a súa edición 2010 no concello de Arzúa (A Coruña) na fin de semana do 2 e 3 de outubro. Nesta proposta poderase acceder a xeitos de mellorar a nosa calidade de vida a través de obradorios formativos, ademais de contar igualmente con espazos de expresión artística e cultural e que, sobre todo loitan pola defensa da diversidade. É posible a defensa do medio ambiente desde a cultura, a arte e a solidariedade e así o entende esta proposta coa conxugación das producións culturais e o xeito de relacionarnos e interaccionar con nós e co medio.

Volve tamén a Feira Ecolóxica Feir@ctiva, na que se porán á venda produtos ecolóxicos, se poderán atopar movementos sociais e diferentes tipos de artesanía, ademais de gozar con diversas actuacións musicais e teatrais cun nexo ecolóxico común, obradoiros medioambientais, ludoteca infantil e diversas actividades lúdicas, entre outras actividades.

Nos próximos días iremos dando conta das novidades desta edición. Non as perdas!!!

INFORMACIÓN PARA PROFESIONAIS

Se queres participar como expositor/a nesta feira da Biodiversidade, bota unha ollada ás condicións de participación que atoparás clicando aquí e enche o formulario que atoparás pinchando aquí.